Archivo de la etiqueta: agua

Poema

por Jacobo Llamas

A friaxe incinerante do río
flue intimamente
a través de ti e de min
durante as consacratio.
Nada o mar,
non é posible armar a paz,
os cónclave non cauterizan as feridas,

os mortos xerminan aos meus pés.

Non comprenden,
non se trata de aniquilar,
senón de refundar,
de que non haxa máis cadáveres,
porque a súa incomprensión
non se combate con máis tropas,
porque os poboados máis desprotexidos
tamén se saben defender.
Mañá agarda unha nova viaxe
e ninguén saberá de onde virei dando pasos
para recrutar máis guerreiros.
Cando remate o día
a terra entre nós será a mesma,
ou máis árida,
a escuridade
non me deixará máis preto dos teus brazos.

No pasado eu ulía a ti
e todos os perfumes
agromaban sobre os areais.
Aquelas noites durmía abrazando pingas do teu corpo,
buscaba consolo nos rétores,
porque o teu lugar
aínda podería ser o meu lugar
e os sentidos das miñas concas non estaban tan ocos.
Logo fomos afastando as dedas,
deixando de apalparnos
dende os orificios máis profundos,
e xa non foi preciso decidir o nome de máis fillos
nin dirimir nada con palabras.
Aprendín a non preguntar polas derrotas,
polo que non se debatía no senado,
polos verdugos,

polos corpos que cambiaban de cor baixo o mar.

Neste intre camiño co bafo ferido
e non son máis ca carne,
albisco rostros coñecidos,
mergullados,
que non me recoñecen:
o seu sangue corre polas fontes,
polos mananciais,
limpa as nosas mans:

—Que sinten os que son como eles?

E nós, pai,

qué sentimos nós?

Jacobo Llamas (Lugo, 1980). Declárase romano e culpable. Entre os seus deméritos menores cóntanse o de seren case doutor en filoloxía, e licenciado en xornalismo e filoloxía; entre os maiores, o de considerárense traidor, pero honesto. Os seus versos están espallados en obras como Terragrafías (2009), nas revistas Xistral (2013), Dorna (2010-2011) e Evohé (2004); en arquivos OpenOffice (1998-2014) e nove libretas (1996-actualidade).

Segue convencido de que nunca será poeta e, como tantos, anda á procura de traballo.

Anuncios

Deja un comentario

Archivado bajo H3, Poesía